|
No ano 1995, ó abeiro
da celebración do V Centenario da creación da Universidade de
Santiago de Compostela, tivo lugar, na cidade compostelá, o I
Encontro de Centros de Estudios Galegos das Universidades de fóra de
Galicia. A política de expansión do estudio da lingua, a literatura
e, en xeral, a cultura galegas desenvolvida pola Consellería de
Educación e Ordenación Universitaria a través da Dirección Xeral
de Política Lingüística da Xunta de Galicia, callou na creación e
potenciación de diferentes Centros de Estudios Galegos incorporados a
prestixiosas universidades espalladas por todo o mundo. O I Encontro
dos responsables destes Centros –Directores e Lectores- en
Compostela, supuxo unha primeira e necesaria posta en común de
traballos e proxectos que dinamizaran a vida dos Centros, e unha
análise da súa situación no contexto dos plans de estudios das
respectivas universidades nas que operaban.
Oito anos parece tempo
suficiente para promover, á altura do presente ano 2002 –novo
século e novo milenio-, un II Encontro de Centros de Estudios Galegos
das Universidades de fóra de Galicia. Os novos tempos, é ben sabido,
presentan novos problemas, maiores esixencias e, en consecuencia,
solucións axeitadas. A Dirección Xeral de Política Lingüística
asume de novo a responsabilidade de reuni-lo persoal que traballa
nestes Centros, para avalia- la situación presente, mellorar posibles
deficiencias e artellar estratexias que abran novas vías de
actuación.
O desenvolvemento deste II Encontro de Centros de Estudios
Galegos das Universidades de fóra de Galicia terá lugar en Santiago
de Compostela os días 20 e 21 de decembro de 2002.
O II Encontro
constará de dúas partes: unha, aberta para tódolos inscritos, que
se celebrará nas mañás dos días 20 e 21, e na que se ofrecerá ó
público, en conferencias ou mesas redondas, información do que se
está a facer nos Centros; da literatura e prensa galegas publicadas
fóra de Galicia ou da actual situación dos estudios de catalán,
euskera e galego nas universidades de fóra das súas comunidades
autónomas.
A segunda parte, de carácter interno, estudiará as
publicacións actuais dos Centros e os seus proxectos cara ó futuro,
así como a situación dos lectorados nas universidades de fóra de
Galicia.
|